Cartografía da Acollida en Lugo: tecendo redes dende os museos

O Museo Provincial de Lugo acolleu o pasado mes de setembro este encontro participativo, que culmina de xeito práctico o proceso de aprendizaxe de Estratexias da Museoloxía Social 2025: a creación dunha cartografía da acollida en Lugo. Esta iniciativa pretende visibilizar e poñer en valor os espazos, redes e recursos fundamentais para as persoas que chegan á cidade, trazando un mapa simbólico e funcional da hospitalidade.

A través deste proceso colectivo, exploramos como os museos e a cultura poden xogar un papel activo na construción de redes de apoio. Como se pode tecer unha rede de acollida dende os espazos culturais? Que puntos resultan esenciais para quen chega a unha nova contorna? Como podemos facer máis accesibles os códigos culturais, os servizos e os lugares clave para a integración?

A sesión desenvolveuse en varios momentos:

  • Fase de reflexión e diálogo: a partir das experiencias de persoas migrantes, profesionais da mediación cultural e entidades sociais, exploráronse as barreiras e oportunidades na construción de comunidades máis acolledoras.
  • Mapeado participativo: mediante metodoloxías colaborativas, identificáronse os espazos, redes e referencias fundamentais para quen chega á cidade, tanto desde a perspectiva da comunidade de acollida, como das propias persoas migrantes.
  • Propostas de acción e transformación: o obradoiro buscará non só documentar información, senón tamén propoñer estratexias para mellorar a accesibilidade cultural e social en Lugo.

O encontro deu lugar a un valioso conxunto de reflexións, representacións visuais e propostas cartográficas elaboradas polas persoas participantes.

A continuación, podes explorar a versión preliminar da cartografía dixital da acollida, elaborada a partir dos puntos xeográficos identificados durante o obradoiro.

Este mapa é unha aproximación inicial ao resultado final: servirá como base para seguir ampliando e revisando a información nas próximas fases do proxecto.

O resultado final será unha cartografía dixital da acollida, que quedará dispoñible no Museo Virtual da Migración da RMPL, permitindo que esta ferramenta siga medrando e servindo de referencia para novas persoas que cheguen á cidade. Ademais, explorarase a posibilidade de converter esta cartografía en roteiros guiados, espazos de información ou recursos educativos que poidan fortalecer a convivencia intercultural en Lugo.

O obradoiro e a súa continuadade están abertos á participación tanto do equipo da Rede Museística Provincial de Lugo como de profesionais e entidades comprometidas coa diversidade e a inclusión.

SEGUIMOS TECENDO…

Participa!

Se queres formar parte deste proceso de reflexión-acción, podes escribirnos a ola@museomigracion.gal