Un espello, unha acuarela e un caderno: o museo de Sara Guerrero

A autora de ‘Eu son o monte’ selecciona tres obxectos vinculados á súa experiencia migratoria para a nosa vitrina dixital.


“¿Cómo construir un relato para que as persoas te recoñezan como persoa desde a emoción antes que desde o prexuízo?”

Sara Guerrero (Cidade de México, 1994) viviu durante cinco anos nunha casa do rural galego tras migrar da súa cidade natal e logo de pasar varios meses en Barcelona. A súa experiencia está recollida na novela ‘Eu son o monte’, que sitúa á lectora fronte unha realidade incómoda, moitas veces silenciada. Nunha pasaxe do seu libro escribe Estoy cansada de explicar. Estoy cansada de explicar como llegué aquí y que, por lo tanto, non soy de aquí. 

Algunhas persoas dinme que é normal que nunha vila pequena haxa desconfianza. Si, estou de acordo, pero non é o mesmo. Cando saben que ves de Latinoamérica ou do Sur Global hai outra capa de significado. Non acontece o mesmo que en As Bestas. É distinto. Sempre hai unha especie de desconfianza que ten que ver con asociarte a uns prexuízos racistas que eles mesmos teñen”.

Durante os anos que pasou aquí, a Sara acompañárona decenas de obxectos cotiás que adquiriron valor e significado co tempo, coas experiencias. Dende o Museo da Migración propuxémoslle que escollera tres deles para que formen parte da nosa vitrina dixital.

Sara pregúntase, ao comezo do seu libro, que pasa cando nos movemos por un mapa que non sabemos interpretar.

O que pasa é que hai unha sorte de perda de identidade, unha perda de sentido e de personalidade. Estás tan aberta ao que hai fóra, ao que tes que decodificar, e tan ansiosa por estar ben aquí, que tes que deixar cousas atrás e abrir novas posibilidades. O problema é quen recibe”.

O líbro mergúllate no monte, na casa. Podes case sentir como camiñas por ese espazo de pedra, que crepita baixo os pés. E estando alí, Sara quixo recreala, gardala nun papel.

Se de algo estaba segura cando publicou o libro, era que ía ser incómodo, que ía molestar a moita xente, xa que ofrece unha mirada do rural complexa, que se afasta da idealización ou da súa defensa incondicional. Expón problemas como o illamento, a precariedade, a falta de servizos… máis tamén o racismo, a desconfianza, o cuestionamento constante. No libro escribe: Na cidade, un rapaz desmente as críticas. Pero é a min a quen o veciño chama Pocahontas mentres me agarra a perna. É a min a quen mandaron limpar casas ou de volta ao meu país.

Para min era importante complexizar a mirada sobre o rural. Quería expoñer que non hai médicos, que existe precariedade, illamento e paréceme importante defender o rural porque a xente que vive alí ten dereito a facelo en dignidade. Con todo, esa outra cara tamén existe. Proliferan os discursos racistas e de extrema dereita entre a mocidade e eu penso que é un tema que hai que abordar xustamente para protexer o rural.

Pasa o mesmo coa lingua: para defendela temos que poñer por diante esa pureza e pulcritude? Para falar da defensa do galego temos que poñer sobre a mesa os mecanismos de exclusión que xera en certos contextos coa xente migrante. E, a partir de aí, crear estratexias para construir pontes.”

As palabras foron a áncora de Sara durante o seu proceso migratorio. E tenas todas gardadas nun caderno.

Sara explica que este diario foi o que a mantivo a flote: o poder escribir, o poder crear, tamén dende a súa faceta de actriz.

Foi a salvación, sen dúbida, foi o único que me mantivo firme con respecto á miña personalidade. Foi a miña forma de manter a dignidade, a integridade”.

No seu monólogo ‘Raigame’ aborda a identidade, a confluencia de dous espazos nunha mesma persoa. Nel, a protagonsita pon por diante que ela é de aquí e explica: “Soamente a través da emoción de empatía ou do sentimento da convivencia era posible crear unha canle de escoita coa outra persoa”.


👂🏽 Se queres escoitar máis voces, podes facelo en @museomigracion