Un vestido, un molcajete e o libro Borderlands. La Frontera: o museo de Nayeli Zepeda

A investigadora, educadora e traballadora cultural selecciona tres obxectos vinculados á súa identidade e experiencia migratoria para a nosa vitrina dixital.


Nayeli Zepeda comeza esta conversación dicindo que lle resultou moi complicado o exercicio de escoller tres obxectos:

“Custoume moitísimo porque a miña nai é moi desapegada dos obxectos, somos moi de desfacernos de todo, non queremos ter cousas. E o sentido que lle damos aos obxectos é moi diferente: pensamos máis na memoria e na convivencia fóra do obxectual; así que me custou moitísimo traballo facer esta elección”.

Nayeli falanos desde Seattle, cidade na que vive dende hai 15 anos tras mudarse desde México. A pesar do seu desapego polo material, na súa casa conserva un vestidiño da súa infancia: o primeiro obxecto que escolleu para a súa vitrina dixital.



Forma parte de The Empathetic Museum, unha iniciativa que defende a empatía como forza transformadora nas institucións culturais en Estados Unidos. Subliña que pensar que a cultura está limitada a un espazo físico é un erro:

“O traballo cultural non está limitado a un centro nin a unha institución, tamén sucede na rúa. En The Empathetic Museum temos unha xunta mensual para revisar o plan de traballo, pero desde que Trump entrou na administración non falamos de museos, senón do que acontece nas nosas cidades, que imos facer, que postura imos adoptar, se será inspiración para o cambio ou acción directa…”

Nayeli fala sobre o que ocorre en Estados Unidos:

“O que está facendo Trump, básicamente, é eliminar todo o que teña que ver con distintas versións da historia. Limita o coñecemento sobre as diferentes experiencias do que acontece e, entón, restrinxe o cuestionamento, a reflexión, a imaxinación. O que está a facer é erradicar todo o que fale de diversidade, equidade, inclusión e accesibilidade. Todo o que teña que ver coas historias e as vidas das persoas negras, migrantes, latinas, a xente das illas do Pacífico, Asia… entón, a única historia que quedará será a da supremacía branca. Dentro de 15 anos veremos como afecta isto, cando as infancia ás que lles están cambiando os programas escolares teñan idade para votar.”

Para ela, a cultura vai máis alá dos obxectos, ten que ver coa memoria e coas persoas. O segundo elemento que escolleu para a súa vitrina dixital é un molcajete:

En México existe a expresión “Até trae o molcajete” ou “Trae o molcajete colgado”. Cando se lle di isto a alguén, significa que a persoa leva moitos accesorios na súa vestimenta.

“Eu só oín esta frase dirixida a mulleres, nunca a homes. Tamén parte do traballo cultural é repensar estas expresións. Parece que se che din ‘até traes o molcajete’ pode facerte rir ou algo así, pero creo que hai que repensalo: é unha frase sexista e clasista. Que lle estou querendo dicir a unha muller con iso? E, tamén, pensando nos estándares estéticos occidentais que nos impoñemos”.

Dende The Empathetic Museum están a tratar de repensar como achegar a importancia da multiculturalidade e das múltiples versións da historia que se queren ocultar, máis alá das persoas que xa son afíns.

“Estamos intentando chegar ás persoas que están no medio, a aquelas que votaron por Trump pero comezan a dubidar. É moi difícil, pero tentamos, en vez de criticar, cuestionar ou rexeitar, abrazar na dúbida”.

Nayeli conta que para ela foi moi difícil mudarse a Estados Unidos, pero que atopou consolo no libro Borderlands. La Frontera, de Gloria Anzaldúa e, precisamente, é o obxecto que elixe para completar o seu museo.

Nayeli explica que en Estados Unidos pensaban que nunca ía pasar o que está a suceder actualmente.

“Hai que facer caso aos sinais. O feito de que Trump gañase a primeira vez xa era un sinal enorme. Pensar que a falta de liberdade do outro non che vai afectar a ti é un gran erro. Un ten que loitar polas liberdades dos demais, porque tamén son as túas. Eu vou loitar por outras persoas, non só para protexerme a min mesma, senón porque creo que é o xusto, o moral e o ético. Se florecemos, é en comunidade”.


👂🏽 Si queres escoitar máis voces, podes facelo en @museomigracion