O xornalista e activista palestino selecciona tres obxectos vinculados á súa identidade e experiencia migratoria para vitrina dixital.
“Son as cousas que teño máis visibles na miña casa porque establecen un vínculo coa miña vida familiar, coa miña cultura, coa miña identidade árabe.”
Os pais e avós de Murad tiveron que fuxir de Palestina en 1967, durante a Guerra dos Seis Días. El leva toda a vida vivindo en España. Cando ao final da entrevista lle preguntamos se quere engadir algo, lánzase a dicir:
“Si, que todo este discurso de odio cara todo o estranxeiro fai moitísimo dano aos fillos de migrantes e aos propios migrantes. Hai unha ferida da que creo que moita xente non é consciente cando deixa entrar mensaxes racistas na nosa sociedade. É a ferida da identidade cultural do fillo de migrantes, que non acaba de encaixar nin na cultura do país de orixe nin na do país de acollida.”
Murad narra que a súa crise identitaria comezou aos 16 anos, cando se recoñeceu como persoa palestina e cuir: “Vinme só, sen información máis alá dos estereotipos e da visión reducionista do que son os árabes.”
Tras moitos anos afastado da súa familia, escolle como primeiro obxecto para a súa vitrina dixital unha cafeteira herdada da súa nai.
“É imposible encaixar porque amosan as túas dúas identidades como inimigas. A día de hoxe, a propaganda israelí quere facernos crer que o colectivo cuir non pode apoiar Palestina por estar gobernada por Hamás, pero esa visión reduce e estigmatiza toda a sociedade.”
Murad explica que, conforme foi medrando, descubriu referentes e deuse conta de que existe unha comunidade LGTBIQ+ moi ampla ao redor de todo o mundo. Con todo, o que máis lle axudou, di, foi viaxar a Palestina.
“Foi o momento máis sanador da miña vida, sabes? Sentarme nun xardín con uns rapaces gais falando en árabe doutros rapaces, de Grindr, eu ligueime a este, eu ligueime ao outro…”
Murad explica que a gran traba que el ve á hora de visibilizar a comunidade LGTBIQ+ palestina é a ocupación israelí.
“Non só non te podes mover, senón que tampouco te podes comunicar coa xente do colectivo, porque se o exército de Israel descobre que es gai, transexual ou o que sexa, van usar iso para chantaxearte, para encarcerarte, para perseguirte.”
O segundo obxecto que escolleu foi a kufiya.
Na súa viaxe foi á cidade onde medrara a súa nai ata o 67. Ela só se lembraba de como era a casa e do nome das familias que vivían ao lado.
“Chamaba a todas as portas, invitábanme a café. Eu falaba coa miña nai por teléfono e describíalle todo. Ata que cheguei a unha casa onde me dixeron que era aí, que se acordaban de miña nai. Iso axudoume moito a comprendela, a entender o seu pasado e a achegarme a ela, malia as diferenzas e os obstáculos que sempre tivemos. Iso non fai que entenda a súa homofobia —nunca o vou entender—, pero sí me axuda a vela como unha persoa máis humana.
Durante moito tempo fixéronme crer que miña nai era retrógrada e radical, que nunca me ía aceptar, e que o seu rexeitamento viña dese radicalismo. Pero coñecer o lugar onde medrou e viviu fíxome cambiar esa visión, entender que pasou por condicións sociais moi duras e que o seu medo viña da falta de experiencias e ferramentas.
O meu medo cara ela viña da sociedade, desa visión de terror cara á comunidade árabe, e empecei a ver aos meus pais e á relixión como algo malo.
O seu medo cara a min e o meu cara a ela fixeron que vivísemos separados toda a vida. Houbo uns poucos meses nos que puiden vela con outros ollos, non desde o odio, senón entendendo que hai algo que nos impide achegarnos, pero que non está en nós, senón fóra.”
O último obxecto da vitrina de Murad é un olliño pequeno, como de peixe.
Murad avoga por comprender para recoñecernos, por mirar máis alá das fronteiras.
“Occidente estableceu as regras do que pode ser cuir e do que non pode selo. E nós imos rompéndoas pouco a pouco. Para ser unha persoa cuir respectada e aceptada pola sociedade occidental, hai que ser branca, dunha determinada clase social, con certas formas; non podes ser racializada, non podes ser relixiosa. Aquí temos moito traballo que facer, porque respectamos a liberdade de expresión e de acción, pero non permitimos que a xente sexa relixiosa e do colectivo LGTBIQ+ á vez. Entón, obviamente, hai unha visión racista en todo isto.”
Murad explica que leva moitos anos traballando nun proceso que vai máis alá do establecido: “Construír identidades complexas e aceptar que non son isto nin aquilo.”
👂🏽 Se quieres escuchar más voces, puedes hacerlo en @museomigracion
