Educación

Comprender, reflexionar e transformar

Entendemos a educación como unha ferramenta para comprender o mundo e, ao mesmo tempo, transformalo. Desde a Rede Museística Provincial de Lugo traballamos desde a investigación-acción educativa, unha metodoloxía que nos invita a escoitar, cuestionar e poñer en marcha iniciativas con impacto.

Por iso, en cada proxecto facémonos tres preguntas clave:
🔎 Que pasa? 💡 Que podemos facer? 🛠️ Fagámolo!

Este Museo Virtual da Migración nace como un novo espazo con vocación educativa, no ámbito do activismo polos dereitos humanos na esfera dixital. Complementando así a longa traxectoria da Rede Museística no territorio.

A nosa misión non é reunir explicacións pechadas nin respostas únicas ante a complexidade do fenómeno migratorio. O que propoñemos é abrir e compartir fíos que poidan inspirar a quen se faga estas mesmas preguntas e queira pasar á acción no seu contexto educativo ou de intervención local.

Por iso, as seccións de Investigación e Colección son unha forma de abrir o arquivo do noso propio percorrido: olladas, voces e experiencias coas que che convidamos a interpretar a migración desde o humano, o cotián e o próximo.

Recomendacións

Onde non chegamos pola nosa propia escala, confiamos na aprendizaxe colectiva. Por iso, neste novo apartado compartimos unha selección de referencias que che poden axudar a ampliar a mirada, atopar aliadas ou iniciar novas colaboracións.

Organizadas en catro bloques temáticos, estas recomendacións inclúen persoas, entidades, proxectos e materiais que poden ser útiles para deseñar accións de educación crítica, sensibilización ou intervención social:

  • Acollida Entidades que traballan no ámbito da acollida a persoas migrantes. Neste caso, acoutadas ás que teñen presenza no contexto lucense.
  • Formación e Artivismo Persoas e colectivos que, desde a educación, a creación ou o activismo cultural, poden ser fonte de reflexión, inspiración ou colaboración.
  • Investigación e Memoria Museos, arquivos, espazos académicos ou iniciativas especializadas no estudo das migracións, con algún vínculo con Galicia.
  • Recurso Dixital Proxectos e materiais en liña con potencial educativo e divulgativo, accesibles para traballar en diferentes contextos.

Accem Lugo

#Acollida

Accem é unha organización sen ánimo de lucro que traballa con persoas en situación de vulnerabilidade, defendendo a igualdade de dereitos e oportunidades desde un enfoque intercultural. En Lugo desenvolven programas de acollida, acompañamento e sensibilización social.

Afroféminas

#Formación e Artivismo

Comunidade que visibiliza e promove as voces das mulleres negras e afrodescendentes de fala hispana. Desenvolven obradoiros, campañas, accións educativas e procesos de asesoramento antirracista con enfoque feminista negro e pensamento decolonial. Un espazo de referencia para quen queira traballar desde a cultura, a educación ou o activismo en clave de dereitos e xustiza racial.

Arquivo da Emigración Galega

#Investigación e Memoria

Centro de documentación e investigación do Consello da Cultura Galega dedicado á memoria da emigración galega. Recupera, conserva e difunde o patrimonio cultural xerado pola diáspora, poñéndoo a disposición de persoas investigadoras e do público interesado.

Artistas globais en Galiza

#Formación e Artivismo

Directorio de mulleres artistas migrantes que desenvolven proxectos creativos desde Galiza. Música, danza, teatro, poesía e propostas multidisciplinares que reflexionan sobre identidade, desprazamento e diversidade cultural. Un recurso promovido por Mulleres á Fronte e desenvolvido por Ecos do Sur, que reúne 32 proxectos que exploran a experiencia migratoria desde múltiples perspectivas.

Artistas Migrantes

#Recurso Dixital

Este docuweb, impulsado pola Área de Educación do Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, explora a vida de diferentes artistas migrantes e as posibilidades dos museos como espazos de hospitalidade.

Asoc. Rioplatenses de Lugo

#Acollida

Unha asociación de inmigrantes e retornados que une pasado e presente entre Galicia, Arxentina e Uruguai, promovendo o diálogo intercultural e a memoria compartida. Acompañan os procesos migratorios e a construción de redes de acollida.

Asociación de Mozos Emigrantes Retornados de Galicia (AJERGA)

#Acollida

Ofrece orientación e apoio a mozos e mozas retornadas ou emigrantes, con acompañamento por parte de quen viviu esa experiencia en primeira persoa. A súa rede facilita a integración en Galicia desde unha perspectiva próxima e horizontal. Actualmente está formada por persoas novas que viven en diferentes partes de Galicia e do mundo.

Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (ESOMI UDC)

#Investigación e Memoria

Grupo de investigación interdisciplinar con sede na Universidade da Coruña, especializado no estudo das desigualdades sociais e das migracións desde unha perspectiva interseccional. Comprometido coa excelencia científica, a análise crítica e a transferencia social do coñecemento.

Escucha Migrante

#Recurso Dixital

O pódcast da cultura en movemento. Proxecto sonoro que reúne creadoras, activistas e investigadoras coa migración como punto de partida e de encontro. Xeran relatos colectivos desde a potencia cultural do Sur Global, en diálogo con outras migracións e memorias. Unha ferramenta útil para sensibilizar, educar e promover a convivencia desde a diversidade.

Foro Galego de Inmigración

#Acollida

Unha asemblea aberta formada por máis de 80 asociacións de inmigrantes e entidades sociais, sindicais e políticas de toda Galicia. Defenden os dereitos das persoas migrantes e retornadas, promoven a integración intercultural e actúan como espazo de presión social e política. Un referente clave para impulsar a participación, a sensibilización e a loita contra o racismo e a xenofobia.

Guía Antirracista

#Recurso Dixital

Unha ferramenta práctica para reforzar o papel da mocidade como axentes antirracistas. Recolle as claves compartidas na iniciativa Escola Antirracista, un proxecto de Alianza por la Solidaridad-ActionAid e SOS Racismo Madrid, con referentes como Esther Mayoko, Lucía Mbomío, Moha Gerehou ou Rubén H. Bermúdez.

Huellas Invisibles

#Recurso Dixital

Un espazo para coñecer as historias que non adoitan verse. Podcast de Ecos do Sur que recolle relatos reais de vidas migrantes, de mans que axudan e acompañan, pero que poucas veces atopan voz. Escoita as experiencias e emocións de mulleres que abren o corazón para contarnos o que supón migrar, acoller e reconstruírse nun novo lugar.

La huida. Unha fiestra aos campos de refuxiados

#Recurso Dixital

Un proxecto internacional impulsado por ACNUR que utiliza realidade virtual para achegar a experiencia das persoas refuxiadas sirias. A través dun vídeo 360º, permite vivir a fuxida e a chegada a un campo de refuxiados desde unha perspectiva inmersiva. Un recurso potente para accións educativas e de sensibilización sobre dereitos e acollida.

Mulleres á Fronte

#Formación e Artivismo#Investigación e Memoria

Un espazo de investigación, intervención e creación que aposta polo diálogo de saberes situados entre mulleres do Sur Global. Está formada por investigadoras das universidades galegas cunha sólida traxectoria en estudos migratorios, feminismos e prácticas colaborativas. Dende a socioloxía, a música ou o audiovisual, tecen procesos críticos que conectan a academia co activismo, co foco posto na xustiza social e a descolonización do coñecemento.

Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA)

#Investigación e Memoria

Situado en Bos Aires, conserva obxectos, documentos e historias de vida vencelladas á emigración e ao exilio galego. A súa colección foi doada pola colectividade e os seus descendentes na Arxentina. Ofrece actividades culturais, visitas guiadas e un espazo vivo de memoria e encontro.

YoSoyElOtro

#Formación e Artivismo

Asociación de axentes culturais que promove a alteridade a través da creación, o pensamento e o diálogo intercultural. Desenvolven proxectos propios e accións artísticas, comunitarias e académicas, ofrecendo obradoiros, espectáculos e espazos de reflexión con enfoque antirracista. Desde Madrid e Almería, operan en todo o Estado español como unha rede viva de afectos e colaboración entre comunidades migrantes e diversas diásporas.

Zinthia Álvarez Palomino

#Formación e Artivismo

Xornalista, escritora e investigadora militante especializada en migracións internacionais, cunha traxectoria centrada na defensa dos dereitos das persoas afrodescendentes desde unha perspectiva afrofeminista e interseccional. Residente en Galicia, foi unha das fundadoras do colectivo Afrogalegas e actualmente forma parte do colectivo Afroféminas. É autora de libros como Eu, muller migranteMulleres negras na ciencia e Mulleres negras na filosofía, e impulsa o proxecto Mulleres negras que cambiaron o mundo, que visibiliza referentes históricos silenciados. Colabora habitualmente en medios de comunicación e desenvolve procesos de formación para institucións públicas e organizacións sociais arredor da xestión da diversidade étnico-racial e cultural.

Filtros

Participa


Un museo vivo constrúese en colectivo. Por iso, este espazo dixital está aberto a quen queira axudarnos a sumar olladas, saberes e ferramentas para educar desde a diversidade.

Se coñeces proxectos, recursos ou persoas que poidan achegar, agradécemosche que nolos fagas chegar para seguir facendo medrar esta rede por unha educación comprometida coa acollida e coa xustiza social.