Como ler esta Liña de Tempo
A información organízase en dous bloques diferenciados:
- Os fitos históricos que explican como se foi configurando o que hoxe é a Rede Museística Provincial de Lugo.
- As iniciativas vencelladas á interculturalidade e a migración coas que levamos a cabo a nosa investigación-acción desde a escoita e a participación da comunidade.
En cada un destes elementos compartimos:
- Fito – Cando e que ocurriu nese momento.
- Contexto – Como e por que aconteceu. Persoas, colectivos ou entidades vencelladas a ese fito.
- Contidos – Seleccionados coa vontade de contextualizar, inspirar e servir tamén ás túas propias iniciativas.
- E ademais – Ofrecemos ligazóns e materiais máis amplos para quen queira afondar en cada iniciativa concreta.
As liñas que xorden de cada fito e os conectan son derivas. É dicir, as consecuencias ou novas iniciativas que xurdiron a partir de aí.
Cada paso foi unha aprendizaxe, unha busca e, sobre todo, unha aposta pola transformación social a través da museoloxía.
Explora a liña do tempo e descubre como chegamos ata aquí.
Un percorrido pola evolución do noso pensamento e acción
O Museo da Migración, como parte da RMPL, non xorde da nada. Insírese nunha traxectoria máis ampla de investigación, exploración e compromiso cunha museoloxía que pon no centro ás persoas. Dende os primeiros proxectos de traballo con comunidades ata a consolidación dunha metodoloxía estruturada co proxecto Soterradas en 2023, cada paso formou parte dun proceso de construción colectiva cun propósito claro: dar visibilidade a relatos e personas silenciadas. O mesmo ocorre co Museo da Migración, que recolle ese enfoque para situar no espazo museístico as voces e experiencias de quen viviu a migración e os seus efectos sociais en primeira persoa.
Esta Liña do Tempo non é só un rexistro cronolóxico das accións da Rede Museística Provincial de Lugo arredor da migración. É, sobre todo, unha ferramenta para comprender como evolucionou a nosa forma de abordar este tema, como a investigación, a práctica museística e o traballo coas comunidades foron moldeando novas perspectivas, e como se entrelazaron experiencias e proxectos. Tamén permite visibilizar o papel fundamental que xogou a relación coa comunidade migrante: con quen marchou, quen regresou e quen atopou aquí un novo fogar.
A ollada lineal do tempo entrelázase cunha lectura de causa e efecto: cada fito rexistrado é resultado de decisións, aprendizaxes e encontros previos, e, á súa vez, sementa novas posibilidades que ás veces xorden anos máis tarde.
