Voces que debuxan unha cartografía emocional
A nosa colección non se mide en obxectos, senón en voces, emocións e lembranzas compartidas. Un museo vivo para recoñecernos nas experiencias de quen migrou, acolleu ou regresou. Onde o que se conserva é o humano. Para escoitar, para comprender, para acoller.
Un museo sen obxectos?
En 2022, o Consello Internacional de Museos (ICOM) redefiniu o concepto de museo, salientando o seu papel como “unha institución sen ánimo de lucro, permanente e ao servizo da sociedade, que investiga, colecciona, conserva, interpreta e exhibe o patrimonio material e inmaterial. Abertos ao público, accesibles e inclusivos, os museos fomentan a diversidade e a sustentabilidade. Coa participación das comunidades, os museos operan e comunican ética e profesionalmente, ofrecendo experiencias variadas para a educación, o goce, a reflexión e o intercambio de coñecementos.”
No Museo da Migración da RMPL, como proxecto dixital, inspirámonos nesta visión. Non conservamos cousas: preservamos, permitimos interpretar e compartimos memorias.
A nosa colección está formada por voces, por fragmentos de relatos de vida que atravesaron as portas dos museos da Rede Museística Provincial de Lugo ao longo do tempo, e por todas aquelas novas que agora atopan unha porta aberta neste museo virtual.
Voces que debuxan una cartografía emocional da migración
Migrar non é só cambiar de lugar: é tamén romper cunha parte da vida para recompoñela noutro territorio, físico e emocional. Mesmo cando é unha decisión voluntaria, implica perdas, incertezas e un proceso profundo de transformación.
Este é un museo da alteridade, da empatía. Non buscamos documentar datos nin datas: queremos transmitir as emocións que acompañan a quen deixa atrás o coñecido e comeza de novo. Inseguridade, desarraigamento, precariedade, soidade, incomprensión… pero tamén esperanza por un futuro mellor.
Desde a ollada da museoloxía social e cun enfoque centrado no traballo coas comunidades da nosa contorna, interésanos especialmente o que acontece tras a chegada ou o retorno. Comprender como podemos participar na construción dunha sociedade de acollida mellor.
Sen esquecer as feridas que deixan as causas na orixe e, nalgúns casos, as viaxes dramáticas; como se reconstrúe unha vida lonxe do fogar. Que queda atrás. Que se perde e cómpre recompoñer. Cada testemuño revela múltiples perdas: a familia, a lingua, a cultura, a seguridade, o sentido de pertenza.
Estes relatos en primeira persoa buscan contribuír á sensibilización social sobre a importancia de acompañar, acoller e comprender o que viven tantas persoas coas que convivimos en sociedades cada vez máis diversas. Convídannos a escoitar e recoñecer esas vivencias compartidas. Porque esa dor tamén foi a das nosas avoas e avós, a de moitas de nós; e segue sendo a de quen hoxe migra do rural á cidade, do noso territorio a outros centros económicos da península ou ao estranxeiro.
Recoñecelo é o primeiro paso para desmontar a idea de “eles” e “nós”, e construír un nós máis amplo e integrador.
Que é o dó migratorio?
O concepto de dó migratorio, formulado polo psiquiatra Joséba Achotegui, ofrécenos un marco para comprender a dimensión emocional e universal da migración.
Refírese ao proceso emocional que atravesan moitas persoas ao deixar o seu lugar de orixe para comezar unha nova vida noutro entorno. É un dó múltiple e prolongado, que non é patolóxico por si mesmo, pero pode chegar a selo se se complica ou cronifica por falta de apoio emocional, social ou institucional.
Segundo Achotegui, este dó implica sete grandes perdas:
- A perda da familia e dos vínculos afectivos
- A perda da lingua
- A perda da cultura
- A perda do estatus social e laboral
- A perda do contacto co grupo de pertenza
- A perda da seguridade física e/ou legal
- A perda de referentes ou do sentido vital
Desde a RMPL traballamos sempre a partir de tres preguntas clave:
🔎 Qu pasa? 💡 Qué podemos facer? 🛠️ Fagámolo!
Recoñecer estas perdas é fundamental para entender o que viven moitas persoas migrantes, pero tamén para identificar áreas onde podemos actuar como sociedade. O reto é claro: mellorar como comunidade de acollida capaz de acompañar e coidar, de mitigar esas perdas desde a escoita e o recoñecemento mutuo.
As fillas e netos da migración
A migración non só marca a quen marcha. Tamén deixa pegada nas seguintes xeracións. Moitas fillas e netos de persoas migrantes medran cargando con relatos herdados sobre a súa orixe, a súa pel ou a súa pertenza. Aínda que naceran e medraran nun mesmo territorio, enfróntanse a preguntas sobre o seu “verdadeiro fogar” ou a súa “autenticidade”.
O racismo e a exclusión non afectan só a quen chega, senón tamén a quen herda unha historia migrante na súa identidade. Este museo tamén quere recoller esas voces, esas vivencias e as súas loitas polo recoñecemento.
Esta é unha colección de voces.
Para escoitar, para comprender, para acoller.
