Presentación do proxecto
O Museo da Migración é unha iniciativa impulsada pola Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) que nace e se desenvolve integramente no ámbito dixital.
Este proxecto, modesto en recursos pero ambicioso na súa vocación exploratoria, parte da reflexión sobre que significa un museo virtual e que claves debe ter en conta ao abordar un tema tan complexo e cheo de matices como o da mobilidade humana. Non é, por tanto, unha mera dixitalización das actividades da RMPL, senón un espazo autónomo concibido para explorar novas narrativas e formas de representar a migración na sociedade contemporánea.
Aínda que o Museo da Migración non é, como diciamos, unha extensión dixital do museo físico, si se inscribe plenamente nos principios da museoloxía social que a Rede aplica en todos os seus proxectos:
- Alteridade, para construír un espazo de escoita e representación de múltiples voces.
- Interseccionalidade, para recoñecer como xénero, clase, etnia ou identidade inflúen nas experiencias migratorias.
- Participación e inclusión, para facer do museo un lugar vivo, construído con quen migrou e con quen acolle.
Por riba de todo, a nosa misión principal é romper coa dicotomía entre “nós” e “eles”, que aínda domina moitos discursos sobre a migración. Non hai un “outro” separado de “nós”, e moito menos na sociedade galega, onde as migracións teceron durante séculos redes de ida e volta. Hai historias, traxectorias e vínculos que nos atravesan a todas e todos. Este museo é unha invitación a mirarnos doutra maneira, a recoñecer as migracións como parte esencial da nosa historia e do noso presente.
A Rede Museística
A Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) é un organismo que nace en 2006 cun modelo de xestión próximo, en diálogo permanente coa sociedade. A nosa labor céntrase en transformar a percepción dos museos, converténdoos en espazos de encontro, accesibles e inclusivos, onde a educación, a investigación e a participación sexan piares fundamentais.
Forman parte da RMPL catro museos con identidades diversas pero cun mesmo propósito: achegar o patrimonio ás persoas. O Museo Provincial de Lugo, no casco histórico da cidade, é o referente central da rede. O Museo Pazo de Tor, en Monforte de Lemos, conéctanos coa memoria das casas fidalgas e os seus habitantes. O Museo Fortaleza San Paio de Narla, en Friol, lévanos á historia medieval e á vida nos pazos fortificados. E o Museo Provincial do Mar, en San Cibrao, mergúllanos no legado mariñeiro e pesqueiro da costa lucense.
Fortalecer o vínculo entre os museos e a sociedade é esencial para que as persoas se identifiquen co patrimonio material e inmaterial que custodiamos, promovendo un sentimento de pertenza colectiva e construíndo comunidade. Queremos museos dinámicos, vivos, nos que todas e todos teñan un lugar.
Convídamoste a coñecernos e a visitarnos en comunidadermpl.gal.
Orixe da iniciativa: Lugo, da multiculturalidade á interculturalidade
Somos unha sociedade multicultural desde o momento en que varias culturas coexisten nun mesmo lugar, pero... somos unha sociedade intercultural?
Esta pregunta é un dos motores fundamentais do Museo da Migración. Invítanos a reflexionar sobre a diferenza entre multiculturalidade e interculturalidade e a cuestionar como nos relacionamos coa diversidade na nosa sociedade.
A multiculturalidade recoñece a presenza de distintas culturas nun mesmo espazo, pero non implica necesariamente que exista interacción entre elas. É dicir, diferentes comunidades poden convivir sen mesturarse nin influírse mutuamente.
A interulturalidade, pola contra, vai un paso máis alá: supón un diálogo real, un intercambio no que todas as partes aprenden, se transforman e se enriquecen mutuamente. Implica o recoñecemento activo do outro, a superación de estereotipos e a construción de espazos compartidos en igualdade de condicións.
O Museo da Migración nace coa vontade de explorar esta cuestión e de visibilizar as experiencias, retos e aprendizaxes de quen viviu a migración en primeira persoa. Así, máis alá de recoller testemuños, este espazo busca fomentar a empatía, o recoñecemento mutuo e o cuestionamento das barreiras visibles e invisibles que aínda separan a quen comparte un mesmo territorio.



Créditos
- Promove: Rede Museística Provincial de Lugo, Vicepresidencia Deputación de Lugo | Encarna Lago, xerente da RMPL
- Xestión do proxecto: Xeneme Innovación Social
- Ideación e conceptualización: Sergio Lago (BenCuriosa)
- Documentación e liña do tempo: Ruth Sousa (BenCuriosa)
- Deseño e desenvolvemento web: Sergi Hernández (orsieg)
- Imaxe gráfica corporativa: Ta ta ta
- Comunicación e contidos redes sociais: Sofía Caamaño Deus
- Deseño de contidos en redes sociais: Isabel Vila
Excepto onde se indique o contrario, os contidos desta web ofrécense baixo unha licenza CC BY-NC-SA 4.0
