Culturas en Diálogo Lugo-Arxentina

Estamos no 2014 e a Rede Museística Provincial de Lugo leva xa moitos anos desenvolvendo proxectos e actividades con distintos colectivos para reflectir e incorporar aos museos a diversidade da sociedade lucense.

Un deles é a Asociación de Inmigrantes e Retornados Rioplatense. Da súa man nace Culturas en Diálogo. Un programa que representa a vocación da Rede Museística de tecer rede, fortalecer a comunidade apostando pola interculturalidade e de poñer ás persoas no centro.

Nesta primeira edición Culturas en Diálogo puxo o foco na comunidade arxentina, co obxectivo de fomentar un diálogo entre ambas culturas (arxentina e galega) e visibilizar unha nova perspectiva -máis inclusiva e intercultural- da comunidade do Museo e da sociedade lucense.

Queres saber máis?
Podes atopar unha breve ficha da actividade na web da Rede, así como información ampliada neste blog .
Culturas en Diálogo Lugo-Arxentina tamén ten podcast! É o resultado do obradoiro de escritura creativa e radio para a cativada “Mulleres de aquí e acolá”, que podes escoitar aquí.