Se botas a vista atrás nesta liña de tempo, verás que en 1998 a Deputación de Lugo recibiu a doazón do Pazo de Tor da súa última propietaria.
Ninguén podía sabelo naquel momento, pero a vontade de dona María de la Paz Taboada de Andrés y Zúñiga resultou ser a semente de algo excepcional que viu a luz no 2022, máis vinte anos despois: SoTERRAdas.
SoTERRAdas marca un antes e un despois na Rede Museística Provincial de Lugo, xa que supón a aplicación dunha nova museoloxía e museografía para o Pazo de Tor.
Que significa isto? Pois que a partir deste momento o museo ofrece un novo relato, incorporando a pranta baixa do pazo habitada pola servidume -na súa meirande parte nenas e mulleres de familias empobrecidas da contorna- en diálogo coa pranta nobre.
Faino, ademais, a través de Angelita, unha das últimas nenas ao servizo da casa, que se converte en fío condutor dun relato narrado dende unha perspectiva interseccional e dende a vontade de poñer ás persoas -neste caso ás mulleres máis humildes- no centro.
Unha vontade que marca toda a traxectoria da Rede Museística Provincial de Lugo.
Podes saber máis sobre que significa SoTERRAdas na web da Rede. Tamén a través de “Soterradas: mulleres no arquivo de Walter Ebeling”. E podes tamén ver como esta nova museoloxía e museografía se aplicou no Museo-Fortaleza de San Paio de Narla a través desta visita virtual.
