Ciclo de conversas | Comunidades en constante cambio: diálogo intercultural e diversidade

Un ano máis, desde a Rede Museística Provincial de Lugo abrimos o noso espazo de conversas iberoamericanas, un foro de reflexión colectiva arredor dos retos da museoloxía social. Nesta edición de 2025, tomamos como punto de partida o lema do Día Internacional dos Museos: “O futuro dos museos en comunidades en constante cambio”. O Consello Internacional de Museos (ICOM) convídanos a repensar o papel das nosas institucións como espazos de conexión, identidade cultural e participación activa nun contexto global atravesado por múltiples desafíos para a diversidade.

Desde a Rede, cruzamos este marco internacional coa nosa propia liña de traballo no territorio, centrada nos retos sociais da museoloxía en relación coa interculturalidade: Como poden as institucións culturais convertirse en espazos reais de acollida, representación e diálogo? Que estratexias e metodoloxías estamos a poñer en marcha para ceder espazo ás voces e corpos das comunidades migrantes e racializadas? De que maneira podemos contribuír, desde a cultura, á construción dunha sociedade máis inclusiva?

Para explorar estas preguntas, o ciclo Estratexias de Museoloxía Social 2025 ofreceu un espazo de diálogo plural e interxeracional, coa participación de voces clave no ámbito iberoamericano. As súas intervencións, xunto coas achegas do público participante, abordaron cuestións urxentes moi vinculadas coa migración: como o papel dos museos ante a hostilidade política cara á diversidade, a representación digna das comunidades racializadas, o racismo estrutural nas institucións culturais, o recoñecemento de saberes non eurocéntricos ou os límites fronte aos ataques de grupos de odio organizado.

Este espazo de inspiración e aprendizaxe colectiva reuniu máis de 300 profesionais da educación, da mediación e dos museos de máis de 25 países.

📺 Recursos en aberto
Todos os contidos e recursos que estiveron á disposición das persoas inscritas na plataforma formativa están agora dispoñibles en aberto, como ferramenta útil para quen traballa por unha museoloxía crítica, inclusiva e transformadora en calquera contexto..



.


.


.


.

Para saber máis…

🔗 comunidadermpl.gal/estratexias-de-museoloxia-social-2025

Onde tamén podes atopar os contidos e conversas das edicións anteriores #EdMS24 e #EdMS23, dedicadas respectivamente a investigar e aprender no museo, e á relación dos museos coa sustentabilidade e o benestar.