Estás na sala

113+: cando as memorias toman forma de retrato

Todo comezou cun dato. O padrón municipal de Lugo revelaba que no concello convivían persoas de 113 nacionalidades diferentes. Pero detrás desa cifra había moito máis ca un rexistro administrativo: había historias de vida, recordos e afectos. Da vontade de facelo visible, naceu 113+, un proxecto de fotografía artística desenvolvido no marco do programa Culturas en Diálogo da Rede Museística Provincial de Lugo en colaboración coa Asociación Rioplatenses de Lugo.

A fotógrafa Evelin Ruiz Crego foi a encargada de dar forma a este proceso a través dunha proposta que situaba as persoas participantes no centro da creación. Máis que retratar persoas, o proxecto construíuse desde o diálogo. Cada participante foi convidado a escoller un obxecto, unha fotografía, unha paisaxe ou calquera outro elemento elixido para falar da súa experiencia migratoria. Esa imaxe proxectábase sobre o seu rostro para dar lugar a un retrato no que memoria e presente convivían nunha mesma escena. «O obxecto conecta coa persoa», explica Evelin.

Ibrahima, de Senegal, escolleu o león, emblema nacional do seu país que representa a coraxe, a forza e a lealdade do pobo senegalés. Alí atópase o león de África occidental, unha subespecie protexida que habita, principalmente, o Parque Nacional de Niokolo-Koba

Ese proceso converteu cada sesión nun espazo de encontro. Antes de disparar a cámara había unha conversa: por que ese obxecto?, que significaba?, que lembranzas activaba? Algunhas persoas levaban fotografías familiares; outras, pequenas pezas cotiás ou imaxes de lugares que seguían formando parte da súa vida. «O que máis me emociona é a xente que trae fotos de familiares, porque se ven con eles reflectidos no rostro», lembra Ruiz. A luz proxectada deixa así de ser un recurso estético para converterse nunha ferramenta capaz de superpoñer persoas, memorias e vínculos nunha mesma imaxe.

En Costa Rica, os Venres Santo capturan a un caimán vivo lévano á praza da vila e, ao día seguinte, libérano. Ayla quixo proxectar sobre si o ollo deste animal para “amosar as imaxes que levo na miña mente.”

A fotógrafa recoñece que é difícil medir o impacto que a exposición pode ter en quen a visita, pero si lembra con claridade o momento en que as persoas participantes descubrían o resultado final. «Non saben o que vai ser e, cando llo ensinas, notas como lles cambia a cara». Nese xesto condénsase boa parte do sentido de 113+: construír retratos nos que cada persoa poida recoñecerse a través daquilo que decidiu compartir.

Migrar tamén é deixar atrás á xente que queres. Ás veces, sen saber se a volverás ver. Por iso, Dora escolliu retratar consigo un debuxo do seu fillo.

Ás 113 nacionalidades rexistradas nesta iniciativa, súmanse cada vez máis. Para visibilizar esta realidade, o Museo da Migración incorpora agora este proxecto ao seu espazo dixital co fin de favorecer a súa permanencia e abrir novas formas de acceso a unha proposta que continúa dialogando co presente. As fotografías poden seguir percorréndose hoxe como un arquivo vivo de memorias, experiencias e vínculos que falan da diversidade cultural de Lugo desde as historias das persoas que a fan posible.