Cartografía da Acollida en Lugo: tecendo redes dende os museos

Durante o outono de 2025, o Museo Provincial de Lugo acolleu unha serie de encontros participativos que culminan de maneira práctica o proceso de aprendizaxe de Estratexias da Museoloxía Social 2025: a creación dunha Cartografía da Acollida en Lugo.

O proxecto concibiuse como un proceso por fases, no que as persoas participantes foron construíndo colectivamente un mapa simbólico e funcional da hospitalidade na cidade.

Ao longo do proceso, explorouse o papel dos museos e a cultura como espazos capaces de activar redes de apoio, reflexionando sobre que lugares, persoas e servizos resultan esenciais cando se chega a unha nova contorna e como facer máis accesible esta rede de persoas.

O punto de partida foi un obradoiro presencial, onde as persoas participantes compartiron as súas historias e experiencias persoais como persoas migrantes. Destes relatos xurdiron mapas colaborativos que sinalaban espazos de Lugo percibidos como amables e acolledores: lugares onde alguén axudou, escoitou ou ofreceu orientación, poñendo o foco nas persoas.

Tras o encontro, levouse a cabo unha fase de dixitalización dos materiais xerados, que permitiu ordenar a información e visualizar conexións. Posteriormente, celebrouse un encontro virtual no que se compartiron os avances e definiuse colectivamente a evolución futura da cartografía.

En fases posteriores, as persoas participantes seleccionaron os puntos que debían formar parte dun roteiro final, desenvolvendo relatos vinculados ás súas vivencias en cada un deles.

Todo este proceso culminou nun roteiro final, que tivo lugar o 18 de decembro, Día Internacional das Persoas Migrantes, froito de varios meses de traballo compartido. Este roteiro, creado e guiado polas propias persoas participantes, percorre espazos significativos da primeira Cartografía da Acollida e visibiliza as redes de acollida e apoio que existen en Lugo.

Mapa interactivo

A Cartografía da Acollida en Lugo demostra que os mapas non só serven para orientarse, senón tamén para contar historias, visibilizar coidados e fortalecer redes comunitarias. Non é un resultado pechado, senón un proxecto vivo, pensado para seguir crecendo e servir de referencia ás persoas que chegan á cidade.

SEGUIMOS TECENDO…