Unha caixa para reflexionar sobre a experiencia migratoria

O Museo da Migración comparte a súa caixa de aprendizaxe nun encontro da man da Universidade de Zaragoza

Sabías que o Museo da Migración conta cunha caixa de aprendizaxe? Pregúntaste que é iso? Pois, basicamente, é unha ferramenta pensada para traballar arredor da migración, a identidade e a memoria desde unha perspectiva participativa.

O noso compañeiro Leo Casado viaxou ata Zaragoza da man da Universidade de Zaragoza e da Asociación Africagua para compartir este proxecto e seguir tecendo redes arredor do traballo en interculturalidade.

“Durante o encontro, presentamos a experiencia da caixa creada en Lugo, o seu proceso de deseño e a súa adaptación a distintos contextos, desde centros educativos ata colectivos de persoas migrantes. E falamos sobre a importancia de crear ferramentas accesibles e útiles para a cidadanía”, explica Leo.

A sesión foi tamén un espazo de intercambio con docentes, alumnado e persoas usuarias de Africagua, moitas delas mulleres da diáspora africana, no que se dialogou sobre como construír, de maneira colectiva, relatos arredor das experiencias migratorias. “Para iso, botamos man dos obxectos que garda a caixa de aprendizaxe do Museo da Migración”, conta Leo.

A facilitación deste intercambio fíxose empregando os recursos da caixa de aprendizaxe que elaboramos no Museo da Migración, unha ferramenta didáctica pensada para abrir conversas arredor da migración, a identidade e a memoria desde unha perspectiva participativa. Cada un dos elemento que a compón activa preguntas, conecta vivencias e convida a mirar o cotián con outros ollos.

O nobelo de la, por exemplo, permite facer visible algo que moitas veces pasa desapercibido: a rede de relacións que nos atravesa. Mediante un xesto sinxelo, constrúese unha imaxe colectiva na que aparecen as conexións entre culturas e territorios.

As maletas e os pasaportes sitúan o foco na toma de decisións e na carga emocional que implica desprazarse. Non falan só de movemento, senón de eleccións, renuncias e dó: que levamos con nós, que queda atrás e como se constrúe a memoria ao cambiar de lugar.

Outros elementos, como os aromas ou as referencias á gastronomía, traballan desde o sensorial para abordar a migración como un proceso de intercambio continuo. Os alimentos, as receitas e os sabores funcionan aquí como rastros deses desprazamentos, mostrando como o que hoxe entendemos como propio é, moitas veces, resultado de múltiples viaxes.

Así, os elementos desta caixa fannos transitar por situacións comúns aos procesos migratorios que, moitas veces, quedan ocultas como a espera, os obstáculos, a perda ou a adaptación.

En conxunto, a caixa de aprendizaxe funciona como unha ferramenta que se adapta a diferentes grupos, pero que mantén unha idea de fondo común: a migración como unha experiencia complexa, atravesada por dimensións persoais, sociais e culturais, que pode ser abordada desde a empatía, o diálogo e a participación.