Un espazo para repensar o papel dos museos na sociedade

O Museo da Migración da RMPL participou no III Encontro Iberoamericano de Museos Virtuais, unha iniciativa que pon o foco en museos que operan desde o dixital; un espazo no que distintas experiencias permitiron compartir como os museos están a revisar a súa maneira de estar no mundo e de relacionarse coas persoas.

A intervención estivo a cargo de Sergio Lago, quen presentou o Museo da Migración como unha iniciativa dixital que se apoia nunha maneira de entender o museo como algo que non se limita á mera conservación.

“Non entendemos o museo como un lugar onde só se conservan obxectos, senón como un espazo de encontro, investigación, educación e participación”.

Desde esta mirada, o Museo da Migración sitúase nunha forma de traballo que entende o coñecemento como algo que non se transmite nunha única dirección, senón que se constrúe nas relacións e nos procesos compartidos.

Unha das ideas que atravesou o encontro foi necesidade de repensar como falamos das migracións desde as institucións culturais. Así, púxose o foco na necesidade de evitar falar dos movementos de persoas como historias illadas, senón de comprendelos como fenómenos culturais inherentes ao ser humano, que afectan a moitas dimensións da vida: as relacións persoais, os cambios de lugar, os afectos e as formas de construír o día a día en contextos distinto. Non se trata de simplificar nin de homoxeneizar realidades diversas, senón de aprender da complexidade.

Como sempre recorda Encarna Lago, xerente da RMPL, o traballo da institución pode entenderse a través de dúas metáforas: o microscopio e o telescopio.

O microscopio sitúa o foco no próximo, no cotián, no territorio e na escoita directa das comunidades. O telescopio, pola súa banda, abre a mirada ao mundo, ao intercambio e á aprendizaxe con outras experiencias.

Entre esas dúas escalas sitúase tamén o Museo da Migración: un espazo que busca comprender o que pasa ao redor, aprender doutras prácticas e compartir o que se vai construíndo.

O encontro serviu tamén para coñecer outras formas de traballar desde a museoloxía social e para seguir tecendo redes con proxectos que exploran como os museos poden ser espazos máis abertos, máis conectados e máis atentos ao presente das sociedades.