Sempre Vivas: o museo como un espazo vivo atravesado por territorios e culturas

Con motivo do Día Internacional dos Museos, celebrado este ano baixo o lema “Museos unindo un mundo dividido”, o Museo Provincial de Lugo inaugurou Sempre Vivas, unha exposición performativa da Colectiva Crea que transforma as salas do museo nun percorrido de escenas vivas habitadas por artistas procedentes de distintos territorios e contextos culturais.

A través da performance, a poesía, a instalación e as artes visuais, a proposta abre un espazo para achegarse a cuestións relacionadas coa memoria, o corpo ou as violencias de xénero desde a experiencia artística e a presenza compartida. O público non observa as obras desde a distancia, senón que atravesa os espazos, escoita voces, le textos e convive coas intérpretes ao longo do percorrido.

Neste contexto, a exposición propón tamén unha reflexión sobre a capacidade da arte para crear lugares de encontro entre realidades distintas. As pezas dialogan desde linguaxes, experiencias e sensibilidades diversas, trazando conexións que atravesan territorios e formas de vida sen borrar as particularidades de cada historia.

A participación de artistas como Laura Pereyra Barrionuevo (Lima, Perú), Noemi Pardo Carral (Vilalba, Galicia), Iliana Rama Gualtieri (Montevideo, Uruguay), Violeta Ares (Buenos Aires, Arxentina) e Daniela Rouco Lledes (La Habana, Cuba) constrúe unha conversa coral na que as obras non só ocupan un espazo expositivo, senón que tamén activan preguntas arredor do que nos conecta, do que permanece silenciado e das maneiras nas que a creación artística pode facer visibles determinadas experiencias colectivas.

As pezas

Interferencia Nupcial Iliana Rama Gualtirei (Montevideo, Uruguay)

Un vestido de noiva, un megáfono e unhas flores semprevivas constrúen unha escena que remite ao matrimonio como ritual e institución social. A intervención propón unha reflexión arredor dos mandatos culturais asociados á feminidade e á idea de pureza.

La Virgen de tus sueños Noemí Pardo (Vilalba, Lugo)

A peza dialoga co imaxinario relixioso para cuestionar determinadas representacións históricas da feminidade vinculadas ao sacrificio, á obediencia e á pureza. A escena desenvólvese a través dunha serie de transformacións simbólicas do corpo e da vestimenta.

Drama Visual Daniela Rouco (La Habana, Cuba)

A obra reúne unha serie de debuxos nos que aparecen figuras híbridas, deformadas e fantásticas. A estética naïf e as cores saturadas contrastan coa intensidade dos temas que atravesan as pezas.

Pero si son solo amigas Maithe Castillo (Montevideo, Uruguai)

A instalación combina poesía e son a través dunha serie de poemas impresos e gravados en audio. A obra explora a experiencia afectiva e a maneira na que a linguaxe pode funcionar tamén como espazo de refuxio e resistencia.

Avisa cuando llegues Violeta Ares (Bos Aires, Arxentina)

Frases cotiás vinculadas ás violencias machistas aparecen suspendidas no espazo mentres o corpo da artista permanece inmóbil no centro da escena. A instalación reflexiona sobre os discursos que cuestionan, minimizan ou desprazan a responsabilidade cara ás vítimas.

Niñas, no madres Laura Pereyra Barrionuevo (Lima, Perú)

Peluches, bonecas e tizas constrúen unha escena atravesada pola idea dunha infancia interrompida. A instalación aborda a vulneración de dereitos e as realidades ás que se enfrontan nenas obrigadas a asumir experiencias que non lles corresponden.